O Servizo Galego de Saúde lanza a Consulta Preliminar do Mercado para o proxecto Innova MicroLab nun evento celebrado no Hospital Universitario da Coruña

 

O evento de presentación da comezo ao proceso de Consultas Preliminares do Mercado do proxecto Innova MicroLab, polo que se buscarán solucións innovadoras que permitan desenvolver dúas plataformas, unha para o diagnóstico ultrarrápido de calquera proceso infeccioso e con detección temperá de bacterias resistentes aos antibiótico; e a outra para personalizar tratamentos e desenvolver novas terapias innovadoras, mediante a secuenciación do microbioma humano.

Trátase dun proxecto de innovación sanitaria cunha inversión de 5,7 millóns de euros que se executará ata 2023, cofinanciado nun 80% por fondos FEDER.

 

No salón de actos do Hospital Universitario de A Coruña celebrouse hoxe o evento de presentación das Consultas Preliminares do Mercado que permitirán coñecer as solucións artelladas polas empresas participantes en torno aos retos do proxecto Innova MicroLab.

Trátase dun proxecto continuista coa senda iniciada en torno á innovación sanitaria polo SERGAS dende hai mais dunha década,  que se complementa cos Plans de Innovación Sanitaria H2050 e InnovaSaúde, ou o  Plan de Innovación Sanitaria Código100 centrado no envellecemento activo e saudable, que teñen establecido á sanidade galega á vangarda neste ámbito.

No evento participaron ponentes da Área Sanitaria da Coruña e Cee do Servizo Galego de Saúde, promotores da idea de proxecto, e da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). O Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes presenciais no salón de actos e virtuais a través de streaming. A continuación o Xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, expuxo ás características do proxecto facendo fincapé na traxectoria do SERGAS en materia de compra pública de innovación; e o Director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero Fidalgo, detallou o procedemento para participar na Consulta Preliminar ao Mercado.

Posteriormente, o acto centrouse na presentación dos 2 retos formulados no marco do  proxecto Innova Microlab por parte do promotor do proxecto, o Dr. Germán Bou Arévalo, Xefe do Servizo de Microbioloxía do CHUAC, e de Guillermo Vázquez González, Subdirector de Sistemas de Información da Área Sanitaria da Coruña e Cee.

O proxecto Innova MicroLab nace para dar resposta ao problema da resistencia aos antimicrobianos que se da a nivel mundial, tentando evitar que determinadas infeccións se establezan como incotrolables. Tratase de mellorar a capacidade de diagnóstico e tratamento do sistema de saúde público galego, utilizando a procedemento da Compra Pública de Innovación para desenvolver dúas plataformas tecnolóxicas totalmente automatizadas.

Coa presentación do proxecto e dos retos a abordar, déronse a coñecer as necesidades sobre as que deben traballar as entidades interesadas e para as que as Consultas Preliminares do Mercado permitirán recoller unha información moi valiosa de cara a coñecer o estado da arte actual.  As entidades asistentes poderán, a partir desta presentación, dar a coñecer as súas capacidades de cara a respostar aos dous retos presentados.
Por unha banda, deberán respostar ao reto polo que se busca mellorar a capacidade diagnóstica desenvolvendo unha plataforma tecnolóxica altamente específica, rápida e totalmente automatizada que permita obter un diagnóstico microbiolóxico fiable de meninxite/meningoencefalitis, pneumonía e bacteriemia/sepsis a partir de calquera mostra biolóxica.

Por outra banda, a segunda necesidade a cubrir consiste na creación dunha plataforma automatizada que permita a personalización das terapias baseandose no estudio do microbioma, grazas ao desenvolvemento dunha plataforma automatizada que, neste caso, combinará técnicas como a secuenciación do microbioma humano con ferramentas informáticas de última xeración e “Big Data”. Deste xeito poderase mellorar a personalización dos tratamentos e o desenvolvemento de novas terapias innovadoras, para a súa vinculación á resposta de pacientes oncolóxicos á inmunoterapia.

O desenvolvemento destas plataformas tecnolóxicas, totalmente automatizadas, busca impactar dun xeito claro e directo na saúde dos cidadáns.

Con estas consultas, o SERGAS poderá coñecer de primeira man cal é o estado da arte actual da tecnoloxía da que dispoñen os distintos operadores económicos, axentes sociais e axentes de coñecemento e identificar as características das posibles solucións que mellor se adapten aos requisitos do servizo e as necesidades dos usuarios con interese no proxecto, puidendo así recopilar numerosa información de gran relevancia para o proxecto, que permitirá coñecer o grado de madurez tecnolóxica das posibles solucións a implantar, así coma o potencial interese do ecosistema innovador.

O proxecto Innova Microlab, é  unha iniciativa cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 no marco dun convenio de colaboración formalizado entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Servizo Galego de Saúde no pasado mes de decembro.

De acordo con iso, os seguintes pasos que se darán no desenvolvemento deste proxecto de innovación estarán centrados na interlocución cos axentes do ecosistema innovador para despois dar paso á licitación de dous expedientes de Compra Pública Precomercial, que é un tipo de contratación empregado para os servizos de I+D.

Proxecto financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia e Innovación.