Execución e resultados agardados

 

Un dos retos máis importantes que afronta a medicina actual é a resistencia antimicrobiana debida, entre outros factores, ao abuso e mal emprego dos antibióticos. Este problema non só repercute directamente nun aumento da mortalidade por esta causa, se non que tamén pode afectar a procedementos médicos nos que é preciso evitar as infeccións.

Innova MicroLab está contribuíndo a resolver estes problemas mediante a investigación e o desenvolvemento de dúas solucións a través da modalidade de Compra Pública Innovadora. Os contratos de Compra Pública Precomercial iniciaranse en decembro de 2022 coas empresas que resultaron adxudicatarias de cada un dos lotes, concretamente Health In Code e Werfen para o lote 1, Becton Dickinson para o lote 2 e novamente Werfen para o lote 3. Na primeira fase, estas empresas desenvolveron o deseño funcional da solución, e mostraron, nos seus informes de resultados, a usabilidade e factibilidad destas, o seu entendemento do contexto e os correspondentes plans de validación. A avaliación dos resultados foi levada a cabo pola Comisión de Seguimento e Avaliación, que tivo en conta para iso os medios e recursos dedicados na execución, a súa xestión e posibles limitacións da solución proposta. As empresas que superaron esta fase foron Werfen para os lotes 1 e 3, e Becton Dickinson para o lote 2.

Nesta segunda fase final do proxecto preténdese lograr os obxectivos do mesmo. Dunha parte, a creación dunha plataforma rápida de diagnóstico de infeccións para detectar calquera microorganismo nos pacientes e, no caso das bacterias, aquelas que sexan resistentes fronte aos antibióticos. E en segundo lugar, a creación doutra plataforma que permita analizar o prognóstico dalgunhas patoloxías, como a enfermidade cardíaca, mediante o estudo do microbioma humano, clave na busca de solucións de medicina personalizada. Estas solucións tecnolóxicas axudarán á inclusión da información sobre o microbioma de cada paciente na súa historia clínica, coa consecuente adopción de terapias máis dirixidas aos seus problemas.

A Xunta de Galicia, a través da Compra Pública de Innovación, implícase nas etapas temperás de I+D para achegar solucións globais no ámbito da saúde. Co desenvolvemento do proxecto Innova MicroLab, o Servizo Galego de Saúde segue á vangarda en materia de Compra Pública Innovadora.

O proxecto Innova MicroLab conta cun orzamento de 5,7 M. euros financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia e Innovación.